a cor do leite

Hai tempo que lle debo unhas liñas á novela A cor do leite, da escritora británica Nell Leyshon. Malia ser unha obra do 2012, non chegou até as miñas mans este ano, despois dunha entusiasta recomendación.

Mary é unha granxeira de quince anos na Inglaterra de 1830. Mary e mais as súas tres irmás viven baixo o xugo dun pai cruel que as cualifica de infortunio, pois negóuselle por catro veces a bendición dun fillo varón. Obrigada a deixar a granxa para coidar a muller do vicario, aprenderá a ler e a escribir a través da Biblia.

Nell Leyshon

A voz narrativa fálalle directamente o lectorado, pedíndolle paciencia, pregándolle tempo para se explicar. Esta interpelación, xunto co enorme peso dos diálogos ou a concreción dos escenarios, remítennos constantemente ao teatro, hábitat natural da súa autora, a primeira muller que escribiu unha obra comisionada para The Globe Theatre. Precisamente estes diálogos deixan que os personaxes se ispan ante o lectorado coma se estivesen baixo o foco, nun escenario.

A voz narrativa borra os artificios da linguaxe como maxistral marca literaria. Así, espida, tece unha atmosfera orgánica, ateigada de texturas, cheiros e sabores; chea de suor e terra entre as uñas, de frieiras en inverno e bochas no verán. Coma nun cadro minimalista, o todo é máis importante que as partes, e cuns trazos léxicos e sintácticos simples, Leyshon arma un conxunto dunha potencia devastadora.

Devagar, a testemuña de Mary sérvelle para construír o eu, para fortalecer a individualidade como irrenunciable vindicación da liberdade. Fronte á brutalidade, hai humor e tenrura, especialmente nas escenas onde intervén o avó. E fronte a submisión, hai rebeldía. A historia cósese co fío das rebeldías de Mary e avanza vertixinosa cara a un final tan esmagador coma imprevisiblemente lóxico.

Ao meu ver, só dá unha puntada sen fío: a narradora fainos trampa. Porén, perdoámosllo, claro que si. Unha e mil veces.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s