Os bombóns de Guinness

Hai dous anos, máis ou menos por estas datas, entraron roubar na casa. Un venres fomos de festival a Caldas e o sábado, despois de xantar en Oza na casa de Emma Pedreira, retornamos a Monte Alto. Ao entrar no edifico decatámonos de que o ascensor non funcionaba. Pouco despois, baixaron polas escaleiras dous homes, altos e fortes, que non pertencían á tribo da miña escasa veciñanza. O primeiro deles agachou a cabeza e pasou ás presas diante nosa. O segundo, decatándose de que o estraño comportamento do seu secuaz nos puxera en alerta, decidiu interactuar e díxonos nunha mestura de español e italiano algo así como “aschensore no funchiona”. Idea terrible.

Subimos polas escaleiras empurrando cada unha das portas para ver onde os golfos apandadores entraran roubar. Todas as portas estaban intactas até chegar ao cuarto, o meu andar, onde encontramos a pechadura rebentada e a porta entreaberta. Nese intre de crise, procurei inicialmente o máis básico: a computadora e o meu gato Mórtimer. Por esa orde. Menos mal que Morti, como ser irracional, non se decatou da xogada, senón coido que non me perdoaría ser superado no meu afecto por un portátil marca Asus. Ademais, o bichiño estaba tan asustado que se agochara debaixo dun edredón, e aínda tardou un anaco en saír desde que nós chegamos.

golfos_apandadores[1]
Retrato robot dos sospeitosos

Pola casa semellaba que pasara un tornado: roupa ciscada, caixas abertas, armarios baleiros, caixóns polo chan… Non quedou orde que non esfolaran. Evidentemente, nada levaran. Nin había cartos, nin había xoias, que é o que adoitan procurar estes bandidos, tal e como nos explicou o inspector de policía que acudiu á nosa chamada, pouco antes de nos tentar vender un modelo de pechadura resistente a todo tipo de método de roubo.

O que si había era uns bombóns comprados na fábrica de Guinness, en Dublín, que trouxeramos para agradecer á amiga e o amigo que visitaran diariamente a Morti durante a nosa estadía en Irlanda, un par de semanas antes. A falta de parné, os ladróns abriron o paquete de bombóns e paparon oito. Isto pareceulle súper-interesante á parella de policía científica que se desprazou á casa, os cales recibiron con xúbilo a descuberta dos papeis dos bombóns exclamando: “Esto puede ser clave!”.

bombóns
Tentounos o demo

Mais o tempo pasou e nada volvín saber da investigación polo roubo. Xa o tiña case esquecido cando, un ano despois, recibín a chamada dun número estraño. Estaba no medio dunha aula, polo que devolvín a chamada ao seu remate. Era a policía. Detiveran en Sevilla unha banda que cometera varios roubos en Andalucía e Estremadura. Ao cruzar as pegadas dactilares coa súa base de datos aparecera a que un deles deixara nos envoltorios dos bombóns de Guinness. Até Lonzas fun facer un recoñecemento facial. Puxéronme unha recua de fotografías e preguntáronme se coñecía algún. Eu dubidei. Cruzarámonos apenas uns segundos e o primeiro deles tentara ocultar o rostro. Con todo, lembraba que o que falara con nós tiña o nariz chato e imitábase a un rapaz de Nogueirosa, a miña parroquia. Así que procurei entre as fotografías alguén que respondese a esa descrición. “Non estou seguro. Mais, se teño que dicir un, diría este”, díxenlle ao policía. “Pois este é!”, respondeu o home, satisfeito, “vai pasar unha tempadiña no caldeiro por lambón”.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s