O conto da princesa Kaguya

kaguya
Aproveitando a barra libre de Ghibli en Netflix, aproveitei para revisionar O conto da Princesa Kaguya, derradeira obra de Isao Takahata. Para este filme, que tardou uns oito anos en se realizar, creouse un estudio aparte, xa que se traballaba baixo unha nova forma de produción. Foi un auténtico fracaso comercial, o que lle ocasionou a Studio Ghibli grandes perdas. Toshio Suzuki, o produtor de Ghibli, xurou que nunca máis faría unha película dese tipo. No documental O reino dos soños e da loucura, Hayao Miyazaki (a terceira pata do banco do Studio) declara que dubida que Takahata queira realmente acabar o filme.
Se O conto da princesa Kaguya xa me gustara no primeiro visionado, agora -cun chisco máis de pouso -descubrín unha auténtica obra de arte.
Renaud Baronian, do diario francés Le Parisien, escribiu: Malia a aparencia de estar feita a man a base de pinceladas, a película é sorprendentemente vangardista. As escenas onde Kaguya corre polos camiños son debuxos onde os sentimentos da princesa estoupan ante os nosos ollos dunha maneira poética e fermosa, nunca antes vista en animación.
E eu concordo. A aposta estética é sublime, así como a axilidade dos trazos e dos movementos. O ritmo narrativo foxe de calquera estrutura clásica, e simplemente deixa que sexa o propio latexo estético quen o marque.

Unha obra, claro está, que só podería facer un veterán con mando en praza como Paku-san, un dos fundadores do Studio e cunha vida ás costas traballando en animación.

Isao Takahata
Isao Takahata aka Paku-san
Desde aqueles proxectos para televisión dos anos 60 e 70 (algúns tan célebres en Europa que marcaron a infancia de toda unha xeración, como Heidi, Marco ou Ana das Tellas Verdes), até os seus proxectos persoais en Ghibli, como a devastadora A tumba dos lucecús, a iconoclasta Os meus veciños os Yamada, ou a irreverentemente ecoloxista Pompoko. Un mestre no cenit da súa carreira que quixo ofrecernos este derradeiro e marabilloso agasallo.

O conto da princesa Kaguya está baseado no Conto do cortador de bambú, unha narración folclórica xaponesa do século X.

kaguya regresa á lúa
Kaguya regresa á lúa. Pintura pertencente ao Conto do Bambú de Tosa Horomichi.

Considérase como o texto xaponés máis antigo que existe. A historia trata sobre unha parella de anciáns sen fillos e de como un día, mentres o ancián corta bambú, atopa unha nena dentro dun talo. A nena é Kaguya ou a princesa Kaguya, que provén da Lúa. Ao final da historia, e tras diversos avatares [ALERTA SPOILER] a princesa regresa á Lúa.

Chamoume a atención que esta “ascensión aos ceos” se produce o 15 de agosto, data que -ademais de ser o meu aniversario -coincide coa Asunción da Virxe María, quen segundo a tradición cristiá subiu aos ceos en corpo e alma. Malia seren a xaponesa e a cristiá dúas tradicións moi afastadas, non deixa de ser curiosa esta casualidade: dúas mulleres, dúas doncelas virxes, que son reclamadas para ascender materialmente ao ceo nunha mesma data e acompañadas de diversos entes celestiais.
Se alguén coñece algunha relación ou outro caso semellante noutras culturas que se poña en contacto comigo, pois picoume a curiosidade!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s