360 graos: López-Tavernier-Pennac-López

Coñecín a Xabier López no 2013, cando aínda asinaba os libros cun dobre López. Ambos fomos premiados en San Simón, na festa de Xerais, el pola súa novela Cadeas e eu con O castañeiro de Abril. Xa choveu. Desde aquela mantemos unha boa amizade que regamos, talvez non coa frecuencia debida, cunhas cañas periódicas no seu Betanzos.

Manteño tamén, asemade, outra relación coa súa obra, da que son seareiro. A estraña estrela, A vida que nos mata, Doutor Deus, Olympia Ring 1934… Son xa un bo feixe os grandes momentos vividos a través das súas páxinas.

O pasado ano gañou con 900 o Premio Torrente Ballester. Se Xabier non fose aínda novo, esta novela sería o epílogo perfecto para a súa prolífica carreira literaria. Un libro de libros, un compendio de influenzas pasadas pola peneira dun autor en estado de graza. Novela de pazo, bélica, estudantina, erótica, Künstlerroman, policial… Un colosal artificio postmoderno no que, como sinalou o seu editor Carlos Lema na presentación en Betanzos, o autor da un paso atrás para ceder todo o protagonismo á obra. Así, o escritor eríxese en artesán e modela ao seu xeito ese magma resultante de multitude de lecturas.

xabier lópez
Fonte: Europa Press

Nesa presentación betanceira, Xabier quixo suliñar que, malia a lonxitude da proposta (900 páxinas, como promete o título) a novela ofrece unha lectura áxil. E abofé que é certo.

Unha das miñas partes favoritas, a do mozo Pedro Xavier no Flandres francés durante a Gran Guerra, lembroume aquel marabilloso filme de Tavernier titulado Capitaine Conan. Esta película, á súa vez, estaba baseada na novela homónima de Roger Vercel, merecente do premio Goncourt de 1934.

capitaine conan

Os escenarios polos que se moven Pedro Xavier e mais Conan son similares (quilómetros e quilómetros de trincheiras, golpes de artillería, cargas suicidas, cheiro a carne carbonizada…) malia estaren enrolados en diferentes exércitos (o portugués e o francés) e loitaren en distintas frontes (a francesa e a macedonia). Son tamén comúns ese espello do terror que son os permisos dunha soldadesca traumatizada pola carnizaría; e, diría máis, encontro tamén similitudes entre o Pedro Xavier de López e o Norbert de Vercel, ambos mozos idealistas superados pola guerra.

Outra extraordinaria película de Tavernier é Ça commence ça commenceaujourd´hui (Hoxe comeza todo), protagonizada (ao igual que Capitaine Conan) por un extraordinario Phillipe Torreton. A historia narra as desventuras de Daniel Lefebvre, director dunha escola infantil nunha vila mineira devastada polo paro. A acción precipítase cando descubre que a nai dunha das alumnas é alcoólica e que as autoridades se lavan as mans ante a difícil situación da pequecha. Malia o carácter tenaz do protagonista e da paixón que verte no seu traballo, este verase atrapado na arañeira da burocracia, as xerarquías e a desesperanza de toda unha comunidade.

mal de escolaMal de escola, de Daniel Pennac, ten tamén como pano de fondo a escola pública francesa. Este libro está publicado en galego por Xerais, na tradución de Isabel Soto López e Xavier Senín. Nunha mestura de retazos biográficos (Pennac foi un horrible estudante), testemuñas e reflexións, o autor de Casablanca dirixe o seu foco cara ao mal estudante, e pídelles aos mestres que vexan o peor alumnado como norma e non como excepción; que se volquen neles, que os rescaten.

Outro libro marabilloso de Pennac é Como unha novela, traducidacoma unha novela ao galego por Emma Lázare e Moncha Fuentes. Nestoutra proposta, Pennanc reflexiona sobre o abandono do hábito lector da xuventude francesa ao chegar a certa idade (Oh, sorpresa! Non só acontece aquí por culpa da malvada LIX patria!) e elabora unha listaxe cos dereitos do lectorado: o dereito a non ler; a saltar as páxinas; a non terminar un libro; a reler; a ler calquera cousa; ao bovarismo; a ler en calquera lugar; a follear; a ler en voz alta; e a calar.

Xabier López decide ampliar esta reivindicación de dereitos e, nun apéndice práctico, engade o dereito a esfollar, debullar, moer, mesturar e enfornar novas historias a partir da vella colleita.

O resultado é un gorentoso bolo que, xaora, arrecende á mellor literatura.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s